O Colectivo de música tradicional RUOTE nace no ano 1996 partindo da base dun grupo de recolleita etnográfica que leva traballando dende 1991.

O colectivo, formado por cinco persoas, amosa un repertorio representativo das catro provincias galegas, e para elo emprega variada instrumentación: Gaita, acordeón diatónico, tambor, bombo con platos, pandeireta e diferentes percusións como ferriños, cunchas, ..., e por suposto voz.

O obxectivo de Ruote é a interpretación fiel das melodías e músicas, e por iso trata de amosalos tal cal os aprenderon dos seus informantes.
Leva actuado en moi diversos escearios como festivais de música folk e tradicional, festivais benéficos, concertos didácticos, actuacións en pubs, en distintos medios de comunicación como radio e televisión, etc. Realizou  unha viaxe a Escocia en 1998 onde gravou o seu primeiro traballo en directo “RUOTE EN EDIMBURGO”, un traballo autoproducido do que xa leva vendidas 1000 copias, a pesares da escasa distribución que eles mesmos levaron a cabo. Regresou en 1999 para realizar varias actuacións organizadas polo Consulado Xeral de España en Edimburgo e Glasgow, en lugares tan prestixiosos como o Piping Centre de Glasgow, ou o Saint Bernard’s Church en Edimburgo.

Durante o mes de xullo do ano 2000 participou no festival de música folk e tradicional de Monreal del Campo (Teruel) onde acadou un notable éxito.

No 2001 veu a luz o seu segundo traballo discográfico en solitario baixo o título de “NIN CANTO NIN TAMPOUCO”, a través do selo discográfico Edicións do Cumio, e no que interviron colaboradores como Susana Seivane, Xabier Díaz ou Roberto Ezquerro (de Rumbadeira). Ademais tamén saiu á venda o traballo editado por Fonomusic “PANDERETEIRAS”, no que eles interveñen xunto con outros tres importantes grupos galegos de pandereteiras. Tamén durante  este ano participaron no festival folk de Évora (Portugal) celebrado no mes de xuño e no importante festival de danzas e músicas do mundo “Andanzas” que ten lugar en Portugal no mes de agosto e que aglutina a músicos de toda Europa durante unha semana.

En agosto de 2002 participaron no festival “Les Burnes de Ordino” en Andorra, prestixioso festival de música tradicional que se celebra anualmente no principado.

         As actuacións máis salientables do 2003 e de 2004 foron: no programa “TREBEDE” de Radio 3 en directo, no teatro de Tordera (Barcelona),festival folk das letras O Couto, no II festival folk de Sabucedo, na Rapa das Bestas; no II festival folk de Negreira; en setembro realizaron unha xira por Dublín e Escocia, convidados pola universidade de Glasgow; en outubro tocaron xunto con Milladoiro no teatro Rosalía de Castro da Coruña na gala de entrega dos premios que outorga “A OPINIÓN”; colaboran no ultimo disco de Susana Seivane “Mares de tempo” con un tema cantado ; en maio deste ano actuaron no teatro de Vilafranca do Bierzo e no VIII festival folk da Marosa de Burela, e en xullo no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, xunto a Susana Seivane.

O 2005 foi un ano cheo de concertos, sobre todo no verán ao igual que o 2006 onde actuaron no festival do mundo celta de Lorient. E no que vai de 2007 teñen xa concertadas unha chea de datas para o período estival.       

Aínda así, a súa labor máis importante vense realizando como grupo de recolleita, xa que teñen unha ampla experiencia no ámbito do traballo de campo e da divulgación através de artigos publicados en revistas relacionadas con esta temática, conferencias, e demais.

RUOTE toma o seu nome da “pequena ruada” na que tratan de involucrar ó público duranteos seus concertos e está formado por:


PABLO DÍAZ CARRO: Gaita,clarinete, tambor, percusións e voz.

OLGA KIRK MARTÍNEZ: Acordeón diatónico, tambor, percusións e voz.

MERCEDES VARELA COTELO: Bombo, percusións e voz.

GRACIELA CARRAL SEIJAS: Gaita,tambor, bombo, percusións e voz.

ROCIO CARRAL SEIJAS: Tambor, bombo, percusións e voz.